|

A Irmandade Xurídica Galega, amais de promover o fomento do uso da lingua galega nos procedementos procesuais, quere tamén reivindicar a memoria de todos aqueles xuristas que tiveron un compromiso con Galicia: a lingua, a idiosincrasia cultural dos galegos, a existencia dun dereito consuetudinario, foron referentes polos que demostraron respecto nas súas actividades profesionais.
Grazas ao compromiso que estes xuristas tiveron con Galicia, puidéronse superar vellos atavismos que actuaban como pexas no desenvolvemento social e económico dun pobo, por mor dun réxime xurídico que mantiña estruturas feudais. As loitas antiforais e os movementos agraristas foron promovidos e asistidos por moitos deses xuristas: Manuel Lezón, Lois Peña Novo, Lois Porteiro Garea, Roberto González, Arturo Noguerol Buján, Manuel Banet Fontenla, Roberto González Pastoriza, Valentín Paz Andrade, Carballal Pernas, Sebastián Martínez Risco, Fermín Bouza Brey, Manuel Casado Nieto… foron protagonistas de excepción no redencionismo agrario e tamén na reivindicación da lingua galega nos usos xurídicos. Forma parte desta nómina tamén o maxistrado Claudio Movilla Álvarez, xuíz progresista e autor da primeira sentenza en lingua galega (1985), despois de catro séculos de marxinación na Administración de Xustiza.
O pasado ano, a Irmandade Xurídica Galega reivindicou a figura de don Sebastián Martínez Risco, maxis-trado e mestre dunha escola galega de xuristas, labor profesional que simultaneou coa presidencia da Real Academia Galega. O seu inxente labor intelectual deixou no ámbito do Dereito unha pegada inesquecible. En 1972 pronunciou unha conferencia en Vigo na que, malia as circunstancias políticas, expresou con rotundidade a necesidade de incorporar a lingua galega nos procedementos xudiciais, por considerar que deste xeito os xustizables e os cidadáns, en xeral, exercían un dereito que aínda que as leis non llelo recoñecían, si o facía a realidade social e cultural de Galicia. A don Sebastián Martínez Risco tributoulle a Irmandade Xurídica Galega a homenaxe póstuma merecida no acto celebrado no mosteiro de Celanova en 2008 coa publicación do “Sebastián Martínez Risco. Mestre de xuristas” no que se recollían traballos seus e dalgúns dos seus discípulos.
Este ano a Irmandade Xurídica Galega quere facer outro tanto co maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, don Daniel García Ramos, co gallo do décimo cabodano do seu falecemento. Porque foi don Daniel o inspirador dun movemento de regaleguización da xustiza tanto en canto era membro da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.
Home dotado dunha espléndida intelixencia, que soubo utilizar coma ninguén para interpretar axeita-damente a norma xurídica, foi merecente de moitos recoñecementos públicos. Seu foi o mérito de celebrar a primeira vista oral do Tribunal Superior de Xustiza en lingua galega, sen descoidar a previsión legal de contar cun tradutor para non provocar indefensión xurídica das partes e testemuñas. Como teórico do dereito as súas achegas para a compilación do dereito civil galego, formando parte da comisión promovida polo Parlamento de Galicia, dan mostra dos moitos coñecementos que tiña das nosas institucións xurídicas. Foi un dinamizador brillante e eficaz do proceso de normalización lingüística, participando activamente en congresos e como conferenciante, sen esquecer os seus estudos xurídicos sobre o alcance da cooficialidade lingüística. García Ramos forma parte xa desa pléiade de xuristas galegos que alentaron a nosa identidade como pobo diferenzado, exercendo o seu maxisterio con fundamento científico e acendido verbo. Irmandade Xurídica Galega
Titulo: Daniel García Ramos, a reafirmación en nós mesmos. Cliente: Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. Ano de realización: 2009
Descargar libro pdf |