TRABALLO DE EDICIÓN

   Conversas no Ribeiro


Desde o 922 sábese de certo que se cultivan as cepas no Ribeiro: no devandito ano, o día 27 de febreiro, o rei Ordoño II fai un troco co bispo de Santiago de Compostela: dálle a vila de Láncara, na actual provincia de Lugo, polas de Oza e Arcadia, constando que a segunda fica na orela do río Miño, entre Laias e Castrelo, e que lle entrega os edificios e tamén os viñedos. No tocante ás terras do Avia, dáse o caso que a primeira mención é do mesmo ano, pero do 15 de novembro, en que os condes Álvaro e Sabita doan varios bens ao mosteiro de San Clodio do Ribeiro, entre os que tampouco faltaban varias viñas.  

Estas son as datas históricas confirmadas documentalmente, pero non se pode poñer en dúbida que o viño xa se procuraba nestas terras desde moito antes, quizais desde o intre en que se estableceron aquí os primeiros romanos para arrincaren o ouro dos montes de San Trocado, Barbantes, O Lago... Grazas a estas explotacións xorde a cidade de Lansbrica, da que imos coñecendo máis cada campaña de escavacións que se leva a termo, testemuñando as súas ruínas a importancia de que gozou na antigüidade, sen comparanza con outra calquera poboación das coñecidas deica agora en toda a zona. Atópabase fóra do Ribeiro, pero mesmo nos lindeiros, na freguesía de Las, do concello de Santo Amaro, nun lugar de amplas vistas panorámicas sobre as bocarribeiras do Miño e do Barbantiño, unha excepcional situación que a converte nun estratéxico oppidum, garda e vixía de todo canto acontecía  nas terras de arredor.

Lansbrica era a cidade e a fortaleza, pero tampouco faltaban as termas, que estaban non moi lonxe pero xa no propio Ribeiro, na orela do río Miño, onde agora se ergue a moderna vila termal de Laias. Os romanos desapareceron pero nunca se chegou a perder a memoria das augas quentes e salutíferas, non deixando de acudir doentes a elas ata os nosos  días.

O erudito e escritor latino Plinio o Vello conta que os lexionarios romanos adoitaban levar consigo varios bacelos para plantar no lugar onde se establecían. Non sería de estrañar pois, que deste xeito chegasen as primeiras cepas ao Ribeiro, e que en Laias ou preto abrollasen os gromos, madurasen os acios e tamén que se fixese a vendima por primeira vez. Desde entón non debeu desaparecer a produción do viño nesta terra, malia ás invasións dos pobos bárbaros.


Titulo: O Viño: conversas no Ribeiro.

Cliente: Asociación Álvaro das Casas.

Ano de edición: 2004


Descargar libro pdf







Documento sin título
Pio García
Camelias, 101. 36211 Vigo
Tel.: 986 234 061
Móbil: 606 368 473
audiovisuales@piogarcia.com
 
© PIO GARCIA
nota legal
 
Síguenos