|
Ocorre as máis das veces que os viaxeiros van ollando a paisaxe, pero sen descifraren as causas, historia e circunstancias que a definen. Adóitase dicir —non é máis ca unha frase feita— que o viaxar arrequece a cultura. Iso depende. Se nos fiamos dalgunhas enquisas feitas sobre o coñecemento que os galegos temos do noso medio, a conclusión é ben distinta: vivimos nun País que non valoramos dabondo, porque o descoñecemos. Otero Pedrayo, que tivo que viaxar moito nos coches de liña, tiña por costume ilustrar o seu acompañante de todo o que os seus ollos albiscaban, de preto e de lonxe. Din os que gozaron da súa compaña naquelas demoradas viaxes polas estradas galegas que era unha regalía poder coñecer “sobre a marcha” todo o que quedaba fóra da xanela do autobús. Relatos da Paisaxe pretende poñer ao alcance dos viaxeiros das empresas asociadas en Trabivus Noroeste unha primeira entrega de relatos literarios e á vez descritivos, que contribúan a coñecer máis os accidentes xeográficos, monumentos, tradicións, etc., que salfiren a nosa contorna. A suma de todos eles fan parte da nosa cultura, relatada en lingua galega, que resoou, resoa e resoará nos escenarios que se van sucedendo nas viaxes que se fan percorrendo as estradas.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia poñen nas súas mans unha pequena colección de relatos escritos para esta acción por diversos autores, coa finalidade de divulgar e fomentar o uso da lingua galega.
Xoaquín Monteagudo Romero
Presidente da AFNLG
Titulo: Relatos da Paisaxe. Cliente: Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. Ano de edición: 2010 |