|

Teño o honor de darlle a entrada a este libro sobre un dos camiños máis senlleiros de Galicia: aquel que leva ao santuario afamado e paradigmático da Franqueira, un dos referentes das nosas peregrinacións interiores de maior sona e congregación de xentes.
Non coñezo eu ben aquelas terras intermedias de entre a costa atlántica e os cumios oufanos e evocadores do Suído, do Faro de Avión e os Montes de Paradanta, pero prometo achegarme a elas a fondo cando o camiño estea presto, as pernas ben dispostas, e o tempo acobille a modo para eu poder facer esa peregrinación. Un camiño que nace na beiramar, que recolle os ulentes ciclos das marés, aló nese mar interior extraordinario que é a enseada de San Simón, e vai penetrando a xeito e con moita arrogancia polas terras baixas, morriñosas e garimosas de Borbén e Mondariz; ata chegar, como non podía ser doutro xeito, subindo polas encostas das terras montaraces, espidas e luminosas de Covelo e A Cañiza.
Penso eu que poucos camiños notorios coma este haberá en Galicia, que nos agasallen con semellante multiplicidade e variedade de paisaxes, de xentes, de acenos, historias e lugares diferentes. Porque moi poucos hai que furen a terra dende tan lonxe e con tanta decisión e precisión, que sexan capaces de xunguir nun todo común o latexar interminable do mar co marmurio do vento nos máis elevados e esgrevios cumiais, enfiando ríos e regueiros, vales e valiñas, corgas e outeiros nunha sucesión aparentemente interminable pero que, inexorablemente, nos levan á terra mítica, lugar distante que coma un facho aceso reclama navegantes e toda sorte de viaxeiros, entre nubeiros e ventos furacanos, baixo un sol implacable nos estíos, onde se reza á santa nai de Deus.
Os camiños sempre foron para mín un instrumento para descubrir o xeito de vivir e negociar coas xentes de toda condición, onde coñecer polo miúdo as súas necesidades, as querencias e as interquinencias dos homes que pousan dacabalo deles; un lugar onde podemos parar o tempo e pensar nos tempos que se foron e nos que aínda están por chegar. Por iso andamos agora cun programa para pór en valor os nosos vellos camiños, polos que circularon tantas xentes durante interminables séculos, por paraxes infinitamente máis fermosas das que percibimos polas autovías a máis de cen quilómetros por hora. Porque penso que ademais os camiños, sobre de todo cando teñen esa condición superior de históricos, sacros ou mesmo mercantís, coma podía ser o Privilexiado do Couto Mixto, son capaces de algo que eu considero hoxe máis que nunca particularmente importante e necesario: son capaces de espertar en nós a admiración pola beleza e a estética da natureza, de descubrir para nós neses intres íntimos e silandeiros do noso progresar, a textura, a estrutura e o misterio de tantas e tan diferentes e valiosas paisaxes, de amosarnos nos seus recónditos recantos unha multiplicidade de formas de vida animal ou vexetal, de falarnos co rechouchío dos paxaros invisibles que aínda hoxe poboan o universo próximo de moitos dos nosos vellos camiños. Esa proximidade, o esforzo físico, os novos horizontes que imos descubrindo a cada paso, unha presenza circunstancial e inesperada, o silenzo das aldeas, o fungar do vento nas copas da carballeira, o latricar das augas no regueiro, a mudanza nas cores, o arrecendo da terra húmida, todas son cousas, son sentimentos, que hoxe, na vida que levamos, se fan máis necesarios que nunca; porque iso que queda, o que deixamos en paz, cada vez é máis valioso por escaso e inalterado.
Que teñan vostedes un bo camiño cara á Franqueira.
Xosé Benito Reza Director Xeral de Conservación da Natureza
Titulo: Vieiro da Franqueira. Textos: Xavier Viana. Cliente: Asociación Intermunicipal Vieiro da Franqueira. Ano de edición: 2007
Descargar libro pdf |