NOVA


Xa van dezaseis anos nos que a Fundación Peña Novo celebra en Soutomaior a entrega  dos premios Lois Peña Novo que recairon desta vez no Concello de Burela, nomeadamente  no Proxecto Burela e no traballo desenvolvido polo mesmo,  no Bufete de avogados FORO AVOGADOS LUGO e no profesor D. Ramón Lorenzo.

Desta volta caíu en mércores, un caluroso 30 de xuño de 2010 ás 20.00 horas do serán o salón nobre do castelo, morada que foi de Pedro Madruga, ateigado de xentes que percorreron Galicia  para acompañar aos premiados.

A música foi o fio de unión entre os distintos espazos que se van sucedendo ao longo do acto e o trio de corda XAIVA foi o encargado de manter esa conxunción entre o  lúdico e o discurso da  recuperación da nosa lingua.

A figura que a Fundación Peña Novo escolleu este ano para lanzar esa necesaria e oportuna mensaxe de defensa do noso idioma no ámbito xurídico foi D. Victorino Gutiérrez Aller, ex-notario de Lalín que   ao longo da súa vida profesional tivo unha especial preocupación pola defensa da nosa lingua no ámbito notarial. O documental “A lingua dos protocolos” realizado para a ocasión pon a disposición do público esta figura que debe server de exemplo e compromiso aos novos funcionarios públicos.

De Burela chegaron 45 persoas ilusionadas para recolleren o premio, inmigrantes caboverdianos e doutros lugares do mundo que aceptaron o feito diferencial galego como un sinal de identidade e distinción. Antonina Semedo acompañou ao alcalde, Alfredo Llano García,  cunhas emotivas palabras e unha cálida voz  sorprendeu ao público cantando unha fermosa canción, facendo ver que a  integración é posible.


Tamén de Lugo chegaron a totalidade dos integrantes do bufete  Foro Avogados Lugo do que un dos seus socios fundadores, Xullo Alberte Feixoo, pronunciou un fermoso e reivindicativo discurso a prol da utilización da lingua galega no eido xurídico.

Representantes da Real Academia Galega,Universidade de Vigo, do Instituto da Lingua Galega, do Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades e outras moitas personalidades da cultura, quixeron acompañar a D. Ramón Lorenzo neste acto de recoñecemento de toda unha vida de traballo a prol da cultura e da lingua de noso.

A presidencia do acto estivo conformada por Don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; Don Xosé Luís Méndez Ferrín, Presidente da Real Academia Galega; Don Salustiano Mato, Rector da Universidade de Vig; Don Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; Don José Juan Durán, Vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Don Agustín Reguera Ocampo, Alcalde do Concello de Soutomaior e Don Xosé González Martínez, Presidente da Fundación Lois Peña Novo.

Entre o numeroso público asistente  cabe destacar a presenza dos académicos D. Xosé Neira Vilas, D. Xosé Luís Franco Grande, D. Antón Santamarina; Manuel González, que fixo a louva dos premiados,  D. Luís García Mañá,  Xefe Superior de Policía de Galicia; D. Manuel Ferreiro Losada, Xeneral Xefe da Garda Civil en Galicia, Xossé M. Salgado, comisario-xefe provincial do CNP, etc.


Servizos prestados relacionados co evento: realización documental, cartelería, trípticos, megafonía e reportaxe fotográfico.










Documento sin título
Pio García
Camelias, 101. 36211 Vigo
Tel.: 986 234 061
Móbil: 606 368 473
audiovisuales@piogarcia.com
 
© PIO GARCIA
nota legal
 
Síguenos