NOVA


O día 29 de xaneiro de 2010 no concello de Cambados, na fermosa praza de Fefiñáns, fíxose a presentación ao público dos autobuses que a empresa TRAVIBUS NOROESTE, S.A., unha razón social que aglutina a 34 empresas do transporte público da provincia de Pontevedra, permitíu rotular en lingua galega con nomes de vales, outeiros, serras, montes, etc. 15 autobuses encheron a praza nunha imaxe inusual e moi expresiva que provocou unha grata sorpresa nos presentes ao acto.
 


 



Máis tarde, no salón de actos da casa do concello, fíxose a presentación dunha innovadora iniciativa galeguizadora que a través do Foro Peinador e da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia,  pretende incorporar a lingua galega nas actividades empresariais como un valor engadido. Os Relatos da Paisaxe son 6 publicacións, que irán ampliándose a través do tempo, e cuxa finalidade é entregalas aos viaxeiros  das liñas de autobuses para que, a través da súa lectura e visionado das fermosas fotografías da paisaxe,  patrimonio, costumes, etc., que as compoñen poñen en valor todo aquilo que o viaxeiro non percibe cando viaxa en autobús. Os autores, todos eles escritores de recoñecido prestixio en Galicia, fixeron unha viaxe, real ou imaxinaria,  e resaltaron aqueles aspectos que consideraron podían facerlle ver ao lector que Galicia é lingua e cultura. En nome dos autores falou o Foro Peinador e a AFNLG quere é promover o uso da lingua na empresa e na  da cidadanía D. Xesús Ferro Ruibal, académico e escritor,  que fixo un discurso elocuente e moi didáctico.

A empresa Travibús Noroeste, S.A., a través do seu xerente, D. Miguel Cuiña, comprometeuse publicamente a que en breve galeguizará os billetes que entrega aos viaxeiros e as relacións internas da empresa. Accións deste tipo son as que reforzan o pensamento e a mensaxe que o Foro Peinador e a AFNLG queren resaltar na sociedade. O galego como lingua vehícular tamén vale para a empresa e para as súas relacións coa cidadanía.

No acto de presentación desta acción galeguizadora estiveron presentes a meirande parte dos empresarios asociados en Travibús Noroeste, S.A. O entusiasmo no que se manifestaron e a promesa de avanzar nesta ilusionante tarefa de abrirlle portas á lingua galega, fai ver que este proceso non ten marcha atrás. O reencontro coa lingua e coa cultura é algo que todos facían valer no encontro.

A Subdirectora Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Dª Cristina Rubal fixo constar a súa satisfacción e a do seu Secretario Xeral no apoio a iniciativas coma esta que fan que aumentar o valor de uso da lingua galega.

 D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da AFNLG, lembrou na súa intervención a importancia do transporte público na comunicación entre os viaxeiros, e que ésta se faga na nosa lingua. "A lingua viaxa cos que a saben falar". A experiencia de Travibus ten un  precedente exitoso: os Contos do Castromil, que a Asociación de Funcionarios pensara e deseñara para seren distribuídos na frota de autocares da maior empresa de transporte público que vertebraba Galicia naqueles tempos.  Os Contos do Castromil son na historia da literatura galega e deste proceso de normalización lingüística no que aínda estamos empeñados, fitos relevantes que permanecerán para sempre na memoria de todos nós. A orixinalidade de tal acción, como a que presentamos agora, son decisivas para este proceso aberto xa hai anos que pretende incorporar a sectores sociais tradicionalmente alonxadas desta preocupación de devolverlle a Galicia a identidade esvaída.

Pola súa banda, D. Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador, suliñou que Travibus Noroeste, S.A. é unha das moitas empresas do País que vén colaborando desde hai tempo co Foro Peinador na reconciliación das empresas galegas coa lingua maioritariamente falada polos traballadores e consumidores. Celebramos, dixo, que un colectivo empresarial tan amplo, que aglutina a trinta e catro empresas do transporte público da provincia de Pontevedra, cun parque móbil de seiscentos autobuses e preto de mil douscentos traballadores, teña dado o paso e se sume ás que xa están a utilizar a lingua galega nas súas actividades. A colección de Relatos da Paisaxe que se presenta indicou "é a manifestación pública desa vontade de cambiar a actitudes e hábitos lingüísticos, que a bo seguro redundará na melloría da imaxe das empresas consorciadas, producindo os mesmos efectos positivos que no seu día provocaron os Contos do Castromil estimulando a autoestima dos traballadores e usuarios do coches da "liña".
 


 

Servizos prestados relacionados co evento: edición da colección, cartel, tríptico, reportaxe de vídeo e fotográfico, deseño da rotulación dos autobuses e mantemento web.










Documento sin título
Pio García
Camelias, 101. 36211 Vigo
Tel.: 986 234 061
Móbil: 606 368 473
audiovisuales@piogarcia.com
 
© PIO GARCIA
nota legal
 
Síguenos